martes, 22 de enero de 2019

O PARLAMENTO EUROPEO PEDIRÁ INFORMES AS AUTORIDADES GALEGAS

O PE pedirá ás autoridades galegas información relativa á usurpación de espazo público por parte do R.C.Nautico de Sanxenxo,  SOS Panadeira achegou hoxe ao Parlamento Europeo a loita veciñal por manter o uso público das praias de Os Barcos e A Pandeira en Sanxenxo. Senra leva acompañando as reivindicacións de SOS Panadeira no PE dende o ano 2016; hoxe solicitou que a petición permaneza aberta Bruxelas, 22 de Xaneiro de 2019. A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de decidir na tarde de hoxe seguir afondando no estudo da tentativa de privatización das praias de Os Barcos e A Pandeira (Sanxenxo), acordando dirixir unha comunicación ás autoridades galegas a fin de obter máis información ao respecto.

Esta decisión tivo lugar logo de que María Nita Rivas, en representación do colectivo SOS Panadeira, procedera a intervir para expor ante as eurodeputadas/os da Comisión de Peticións e
representantes da Comisión Europea a situación vivida pola veciñanza de Sanxenxo ante as
intencións da entidade privada Real Club Náutico de Sanxenxo (RCNSX) - vinculada ao influínte
empresario Pedro Campos Calvo Sotelo, director do equipo de vela Team Telefónica e estreitamente
ligado á Casa Real- de privatizar de facto as praias de Os Barcos/A Iriña e A Panadeira. Todo comezou no ano 2013, cando o RCNSX iniciou a construción dun peirao para barcos deportivos
de entre 12 e 20 metros en lámina de auga de uso público en lugar da zona identificada polos
informes técnicos no caso de que fora preciso unha ampliación do porto deportivo. Entre outros
despropósitos, estas obras fixéronse sen declaración de impacto ambiental argumentando que se
trataba dunha estrutura móbil, se ben posteriormente ao pretender retirar parte da mesma houbo
que proceder a serrar os pilotes de metal, ao non ser posíbel movelos.

Ante a desfeita das praias a veciñanza mobilizouse para tentar paralizar as obras. Mesmo o Concello
de Sanxenxo cortou ao acceso ao porto aos camións, ao que a entidade RCNSX reaccionou
transportando o material por mar e en ocasións mesmo de noite. Grazas á visibilización do
rexeitamento da veciñanza a través de mobilizacións nas rúas e nas propias praias, así como na
recollida de milleiros de firmas, finalmente Portos paralizou a obra. Pero o RCNSX presentou un novo proxecto e continuou adiante. Porén, SOS Panadeira xa conseguira un importante éxito, xa que de seguir adiante o plan inicial do RCNSX habería que dragar as praias para obter o calado preciso, polo que terían sido completamente destruídas.
Actualmente as praias urbanas de Os Barcos/A Iriña e A Panadeira, ademais da modificación da súa
orografía, están sensibelmente afectadas pola contaminación provocada pola ampliación do peirao
da entidade privada RCNX. “Pretenden que a Iriña e parte de A Panadeira sexan areais portuarios,
sen respectar que no Plan de Ordenación do Litoral (POL) están recoñecidas como praias urbanas.
As praias son tesouros fráxiles, que precisan coidados. Opoñémonos a que sexan obxecto de
comercio privado. É inxusto privar á cidadanía do desfrute destas praias en beneficio dunha
empresa privada como é o Real Puerto Deportivo”, expuxo hoxe SOS Panadeira no Parlamento
Europeo

Ademais do colectivo social SOS Panadeira, o propio Concello de Sanxenxo, o Colexio Oficial de
Biólogos e mesmo a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor amosaron a súa oposición
a este proxecto que, ademais, incumpre o Plan de Utilización de Espazos Portuarios de Sanxenxo e
o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia e, por se fora pouco, foi construído sen previa declaración
de impacto medioambiental.
“As praias gardan emocións e historias, forman parte das experiencias e situacións das nosas vidas.
Ilusiónanos conservalas sementando esperanza de futuro, tecendo día a día, entre todos e todas, unha resistencia colectiva ante os desvaríos privados feitos en e con medios públicos. Sen deixarnos
intimidar e sen perder a dignidade queremos ser e actuar como cidadanía do noso pobo e da UE”, declarou Maria Nita en nome de SOS Panadeira. A eurodeputada Lídia Senra, integrada no Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), vén acompañando as reivindicacións do colectivo SOS Panadeira dende o ano 2016, cando convidou a varias das súas representantes a trasladar directamente no Parlamento Europeo a súa reivindicación. Ademais do rexistro de preguntas parlamentarias solicitando información á Comisión Europea, Senra acompañou tamén o rexistro e seguemento desta denuncia na Comisión de Peticións.

Hoxe, logo de amosar o seu apoio ás integrantes de SOS Panadeira e solicitar que a petición permaneza aberta, Senra lembrou que “a construción do peirao non responde a ningunha cuestión de interese xeral, ao contrario, preténdese privatizar un espazo público, un ben común, só para beneficiar a unha empresa privada. De levarse adiante, non só impediría que a poboación puidera desfrutar
destas praias, se non que tería un impacto negativo na economía local, sensibelmente orientada ao
turismo”. A eurodeputada galega pediu tamén á Comisión de Peticións que solicite ás autoridades competentes “a información e documentos precisos para clarificar se foron respectados os principios de transparencia, imparcialidade e competencia para conceder a autorización; así como información
ao respecto do posíbel impacto do peirao na Rede Natura”. Logo de escoitar ás peticionarias, á Comisión Europea e ás eurodeputadas/os presentes na sala, a Comisión de Peticións decidiu que esta solicitude permaneza aberta e enviar unha carta solicitando ás autoridades galegas información adicional.

No hay comentarios:

Publicar un comentario