OPINIÓN ALFREDO CONDE
http://www.elcorreogallego.es/opinion/firmas/ecg/alfredo-conde-libros-aman/idEdicion-2014-08-17/idNoticia-885371/
VISITA rápida a Sanxenxo, esa vila antano mariñeira; hoxe vai ti
saber qué. Turistica, hoteleira, náutica e de veraneo, perdón, de
vacacións. De veraneo foino, cando da estiaxe só disfrutaban uns poucos e
os máis non sabían nadar ou sabían pouco. Agora nada todo o mundo,
mesmo entre dúas augas non poucos deles. A vila medrou. Claro que
medrou. Pero os que lles chaman ghatos ós de Portonovo, mentres eles se
declaran lilainos, manexan moi ben as diferencias. Fano de xeito que,
cando morre algún deles, algún lilaino, baten a morto as badaladas da
pequena igrexa que onte tanto destacaba e hoxe permanece oculta entre
edificios que non creo que acaden premio ningún de arquitectura. Cando
morre algún sanxinesín, mesmo algun sanjenin, as que baten son as da
igrexa nova. As desa pagoda desubicada que o xenio dun cura fixo xurdir
onde acaso xamais debería facelo; cando menos, así, tan inapropiada.
Visita rápida ó Sanxenxo da miña nenez, daquela que logo do Bicaño
ergueron o barrio de Corea que ocuparían os sindicalistas verticais
chegados de Ourense, algún parente meu entre eles. Por iso eu souben da
purga do mar, daquelas gurgullas que aboiaban na tona da auga, xurdindo
do fondo de area ó ser pisado polos meus pés de neno. Proía a puñeteira
purga. Seica xa non a hai. Millor así.
En Sanxenxo eu non fun nunca dos de Silgar ata que, pasados moitos
anos, as miñas fillas quixeron pasar o verao nela e alá nos fumos.
Eu
fun sempre da Panadeira, a pequena praia que agora queren acabar de
estragar coa ampliación dos pantaláns do Náutico, nada que ver co daquel
de hai tantos anos. ¡Ouh, aquela Panadeira, nas que os toldos que
controlaba Manolo O Cesteiro eran unha contención de tropelías. Lástima
que os eliminaran e puñeteira teima esta de igualar por embaixo e vez de
facelo por enriba, pero a vida élles así.
Visita rápida a Sanxenxo. Encontros con vellos amigos e coa
definitiva ausenza de non poucos. Encontros con antiguas alumnas e
ningún alumno, manda truco, vai ti saber por qué. En troques sí atopo
algún vello compañeiro do internado ourensán e falamos a modo, pero con
presas. Logo ven a quenda da familia.
Meu irmao debe ser xa lilaino logo
de tantos anos en Sanxenxo. Alí viveu verao e inverno dende hay xa
tanto tempo que marea pensalo. Agora vai e ven dende Compostela, pois
alí está o sosego, cando se vai a xente e o mar respira como nunca
respira no verao.Visita rápida a Sanxenxo, o que é tanto como dicir ó
que un foi e deixou de ser urxido que foi de realidade sitas noutras
latitudes. Un día de verao, en suma, pra que tinguir de señardade a
caixa das memorias. Moito cambiou o mundo. Tanto que xa a penas ninguén
recorda cómo era. Eu sí. Daquela en Sanxenxo non había librerías, hoxe
hainas: Nós é un exemplo preclaro do que digo, nela venden os libros que
aman.
Escritor. Premio Nadal
e Nacional de Literatura
Graciñas polas túas verbas.