domingo, 17 de agosto de 2014

Alfredo Conde "Os libros que aman"

OPINIÓN ALFREDO CONDE
http://www.elcorreogallego.es/opinion/firmas/ecg/alfredo-conde-libros-aman/idEdicion-2014-08-17/idNoticia-885371/




VISITA rápida a Sanxenxo, esa vila antano mariñeira; hoxe vai ti saber qué. Turistica, hoteleira, náutica e de veraneo, perdón, de vacacións. De veraneo foino, cando da estiaxe só disfrutaban uns poucos e os máis non sabían nadar ou sabían pouco. Agora nada todo o mundo, mesmo entre dúas augas non poucos deles. A vila medrou. Claro que medrou. Pero os que lles chaman ghatos ós de Portonovo, mentres eles se declaran lilainos, manexan moi ben as diferencias. Fano de xeito que, cando morre algún deles, algún lilaino, baten a morto as badaladas da pequena igrexa que onte tanto destacaba e hoxe permanece oculta entre edificios que non creo que acaden premio ningún de arquitectura. Cando morre algún sanxinesín, mesmo algun sanjenin, as que baten son as da igrexa nova. As desa pagoda desubicada que o xenio dun cura fixo xurdir onde acaso xamais debería facelo; cando menos, así, tan inapropiada.

Visita rápida ó Sanxenxo da miña nenez, daquela que logo do Bicaño ergueron o barrio de Corea que ocuparían os sindicalistas verticais chegados de Ourense, algún parente meu entre eles. Por iso eu souben da purga do mar, daquelas gurgullas que aboiaban na tona da auga, xurdindo do fondo de area ó ser pisado polos meus pés de neno. Proía a puñeteira purga. Seica xa non a hai. Millor así.
En Sanxenxo eu non fun nunca dos de Silgar ata que, pasados moitos anos, as miñas fillas quixeron pasar o verao nela e alá nos fumos.

 Eu fun sempre da Panadeira, a pequena praia que agora queren acabar de estragar coa ampliación dos pantaláns do Náutico, nada que ver co daquel de hai tantos anos. ¡Ouh, aquela Panadeira, nas que os toldos que controlaba Manolo O Cesteiro eran unha contención de tropelías. Lástima que os eliminaran e puñeteira teima esta de igualar por embaixo e vez de facelo por enriba, pero a vida élles así.

Visita rápida a Sanxenxo. Encontros con vellos amigos e coa definitiva ausenza de non poucos. Encontros con antiguas alumnas e ningún alumno, manda truco, vai ti saber por qué. En troques sí atopo algún vello compañeiro do internado ourensán e falamos a modo, pero con presas. Logo ven a quenda da familia. 

Meu irmao debe ser xa lilaino logo de tantos anos en Sanxenxo. Alí viveu verao e inverno dende hay xa tanto tempo que marea pensalo. Agora vai e ven dende Compostela, pois alí está o sosego, cando se vai a xente e o mar respira como nunca respira no verao.Visita rápida a Sanxenxo, o que é tanto como dicir ó que un foi e deixou de ser urxido que foi de realidade sitas noutras latitudes. Un día de verao, en suma, pra que tinguir de señardade a caixa das memorias. Moito cambiou o mundo. Tanto que xa a penas ninguén recorda cómo era. Eu sí. Daquela en Sanxenxo non había librerías, hoxe hainas: Nós é un exemplo preclaro do que digo, nela venden os libros que aman.
Escritor. Premio Nadal
e Nacional de Literatura
Graciñas polas túas verbas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario